O parque de Begoña Caamaño é o pulmón verde que conecta as distintas zonas do Barrio das Fontiñas.
É un espazo de convivencia e de xuntanza para a veciñanza do barrio. Moi apreciado e frecuentado por xentes de tódalas idades que o utiliza como lugar de encontro e paseo, de celebración de actividades lúdicas e deportivas e incluso no pasado (antes da pandemia) de eventos culturais. Nel, tanto nenos e nenas como adultxs, poden desfrutar dunha aprendizaxe creativa na que xogando e descubrindo, poden desenvolver o amor e o respecto pola natureza en torno á súa diversidade biolóxica. 
O parque é o centro histórico do barrio posto que nel se atopa o recuncho máis antigo do barrio, a aldea do Cotaredo. Todos e todas temos un imaxinario do parque Begoña Caamaño e todas/os fomos vendo como co tempo se foi cambiando para ser o que é agora, unha ágora verde, pública, de todas e para todas.
O sentido que deben seguir os modelos urbanísticos é o de favorecer a socialización e a interconexión de experiencias e cotidianeidades entre a cidadanía. A sustentabilidade dos espazos e a creación de zonas verdes que xeren espazos abertos de socialización, é primordial para os barrios. 
Mentres en moitas cidades se camiña cara a un urbanismo sustentable, a administración compostelá quere recortar un espazo vital deste parque sen ter en conta a vontade da veciñanza. O recorte neste espazo verde do barrio supón unha perda no noso benestar, na nosa cotiadianidade e no noso lugar de encontro.




 

Comentarios